O grupo ECOAGRASOC forma parte do catálogo oficial de grupos de investigación da Universidade de Santiago de Compostela. Está integrado por profesores e investigadores da USC que traballan en temáticas relacionadas coa economía agroalimentaria, as políticas agrarias e de desenvolvemento rural, a xestión económica de explotacións agrarias, a economía social e cooperativismo e o desenvolvemento rexional.
O grupo ECOAGRASOC está integrado no IDEGA (Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia), instituto de investigación da Universidade de Santiago de Compostela dedicado á investigación científica e ao asesoramento técnico, e que organiza tamén actividades de formación especializada en diversos campos das ciencias sociais. Os membros do grupo pertencen ao Departamento de Economía Aplicada da USC e desenvolven o seu traballo na Facultade Ciencias Económicas e Empresariais (Campus de Santiago), na Escola Politécnica Superior e na Facultade de Administración e Dirección de Empresas (Campus de Lugo).
O grupo de investigación é diverso e está integrado por economistas e enxeñeiros. Traslada aos seus traballos un enfoque multidisciplinar que reflicte os distintos ámbitos de especialización e traxectorias investigadoras e profesionais dos seus membros. Conta cunha ampla experiencia tanto na realización de proxectos de investigación como na colaboración con empresas e institucións e no deseño e avaliación de políticas e programas agrarios e de desenvolvemento rural.